Seguidores e seguidoras

viernes, 5 de agosto de 2016

Encoro das Forcadas, nova prospección odonotalóxica

 Estou a aproveitar os últimos días feriados de que dispoño para traballar no Atlas de libeliñas de Galiza. Esta mañá no encoro de As Forcadas, Valdoviño.


  Alí hai unha poboación abondosa dun zigóptero moi curioso como é a Donceliña de ollos vermellos, que ten a manía de vivir en augas abertas sen aproximarse á beira, sobre todo os machos. É, digamos, unha especie "peláxica", para que entendan os colegas ornitólogos. Aínda que Paco Girón me comentaba hoxe que en Doniños andan por "terra firme".


    Para observala o mellor é internarse con botas de caña alta polas pradeiras submerxidas, movéndose con coidado entre as masas de vexetación flotante onde soen pousar os machos de Erythromma (as femias achéganse aos xuncos da ribeira).

 Pradeiras acuáticas na enseada da Rañoa

  A observación da especie é relativamente doada, pero a súa fotografía resulta moi complicada, para min polo menos. Por unha banda estás coa auga por riba do xeonllo, pisando onde podes e como podes. Se non tes coidado acabas tocando coa cámara na auga, se non te mollas ti. E disparando a pulso (como fago habitualmente) non podes apoiarte en nada nen buscar pontos de apoio, polo que os movimentos da mao obrigan a escoller velocidades moi altas e, consecuentemente, a variar todos os demáis parámetros. Por todo iso estas fotos son realmente meritorias desde o meu ponto de vista. Moito máis que outras que quedaron técnicamente mellor, pero nunhas condicións de traballo moitísimo máis cómodas.

 Donceliña de ollos vermellos (Erythromma viridulum)

   A vida das libeliñas é un senvivir. Por arriba hai ataques aéreos de todo tipo, desde Papuxas (Sylvia atricapilla) a Falcóns pequenos (Falco subbuteo). Por abaixo, a auga é máis perigosa aínda. Durante a sesión fotográfica puiden contemplar varios ataques errados por parte das abondosas Rás verdes.

Rá verde (Pelophylax perezi)

  Todas as Ischnura que identifiquei eran elegans, que é claramente dominante nas Forcadas, aínda que tamén hai graellsii. A espiña que ten no pronoto a elegans é diagnóstica.

 Donceliña litoral (Ischnura elegans), detalle da espiña no pronoto

  Hoxe apareceron varias novidades na cuadrícula, como por exemplo o chamativo Gaiteiro bicolor.

Gaiteiro bicolor (Calopteryx xanthosoma)

  Ou o Gaiteiriño verdescente, que supón tamén a primeira identificación propia no pantano.

 Gaiteiriño verdescente (Lestes virens)

  O Lavacú escaralata xa fora citado hais uns días por Paco. Hoxe puiden afotalo ben.

Lavacú escarlata (Crocothemis arythraea)

  Por suposto non hai visita estival que non ofreza a posibilidade de desfrutar das Estrozas metamórficas que nesta época do ano abondan nas beiras do encoro máis axeitadas.


 Estroza (Hyla arborea), exemplares metamórficos

  O Miñato abelleiro semella estar a reproducirse desde hai anos, mas nunca fun quen de confirmalo (cando andas mirando para o chan pois perdes de ver "o de arriba")

 Miñato abelleiro (Pernis apivorus)

 E hoxe ademáis unha pequena sorpresa: un grupiño de 3+ Folosas das xunqueiras, das que só puiden lograr unha imaxe testemuñal.

Folosa das xunqueiras (Acrocephalus schoenobaenus)

  Grazas por seguirme.

2 comentarios:

  1. Préstame ben o que falas da abundancia de rás, que ven a confirmar de novo que as troitas (e outros) puxeron definitivamente baixo control ós canghrexos americanos.
    A ver se dura o invento, e a situación, a pesar do desastre, queda estabilizada.
    Tamén a abundancia de zigopteros e anisopteros viría a refrendar esta idea...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Abondancia...relativa. Ímolo deixar aí. Pero desde logo non ten nada que ver co cataclismo herpetolóxico que aconteceu noutros humidais. Ademáis as importantes pradeiras subacuáticas que fican en Forcadas así como a boa calidade das augas, aínda bastante transparentes, son outro bon sinal da menor incidencia do innombrable.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos