Seguidores e seguidoras

sábado, 25 de octubre de 2014

Encoro das Forcadas, un pouco de todo

    O verán que este ano non tivemos semella que quixera vir agora porque, logo de case dez días de tempo soleado, xa non sabe ún en qué estación estamos. Moito mellor para os seres que amamos o sol, como son estas Libeliñas de Outono que afotaba hoxe no encoro das Forcadas:


    O Outono é un período moi bon para observar odonatos, e a cola do encoro é un territorio excelente para atoparse con esta especie de Libeliña, que escolle preferentementes grandes masas de auga estancadas.
  Hoxe a actividade era máxima, con parellas en tándem, cópulas, e pelexas entre machos; como se quixeran aproveitar os últimos días de sol, antes da chegada inminente do inverno galego.

 Cópula de Libeliñas de Outono (Aeshna mixta). Macho drta. imaxe

   Camiñando entre o herbazal próximo ao pantano, sorprendeume a cantidade abraiante de cigarriñas que saltaban aquí e acolá. Tentando non pisalas, puiden tirar unhas fotos destes pequenos insectos, que miden menos de 10 mm e que pertencen á numerosa orde das Chinches.


   A orde das Chinches (Hemiptera) é extraordinariamente amplo. Hainas carnívoras, vexetarianas, voadoras, nadadoras, grandes, diminutas... Habitualmente divídense en dúas subordes: Hemiptera e Homoptera, á cual pertencen as Cigarriñas saltadoras (Cicadellidae), familia da nosa protagonista de hoxe. Non son tan espectaculares nin glamurosos coma lepidópteros, coleópteros ou odonatos, pero cumpren igualmente un papel importantísimo para o equilibrio do medio natural.

  Non posúo guías especializadas, mais penso que neste caso a identificación é bastante segura coa especie mencionada (agradécense correccións)

 Cigarriña (Cicadella viridis)

   Nunha casa abandonada soleábase unha Lagartixa galega (Podarcis bocagei), algo que poderá repetirse ao longo do inverno, sempre que sexa unha estación normal, con algúns días de sol e temperaturas suaves.
  Na costa de Ferrolterra contamos con varias especies que enriquecen a nosa diversidade de réptiles, pero nas zonas interiores esta diversidade baixa moito e non acharemos máis que endemismos do noroeste ibérico, algunha eurosiberiana e pouco máis. A Lagartixa galega, iso si, é unha presenza segura nos hábitats axeitados.


Lagartixa galega (Podarcis bocagei) subadulto

   A sorpresa do día foi a detección de 3 Rascóns da auga (Rallus aquaticus), dos que cheguei a ver ún, entre as canaveiras da ribeira. Probablemente exemplares en paso ou invernantes. Xa se saberá.
   Tamén alegraba a mañá a observación dunha Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus), rapaz bastante escasa por aquí. Quizá mesmo fose unha das habituais da lagoa da Frouxeira, pois o movimento de acuáticas entre ambos humidais é algo que teño comprobado.

 Canaveira de Espadana (Typha latifolia) en Vilaboa

 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) xuvenil

  Entraron anátidas novas nos últimos días. Agora que a caza está moi focalizada nos grandes mamíferos, prácticamente non existe presión cinexética sobre as acuáticas do encoro, onde hai moitos anos que non vexo a ninguén cazar aves, aínda que estea permitido (ou o estaba ata hai pouco, polo menos). Debe ser a única cousa boa da superpoboación de Xabalí e Corzo.

 Diferentes anátidas no encoro

Entrando no observado, destacar, entre outras cousas:
- 10+ Mergullóns cristados (Podiceps cristatus). Non censei.
- 1 Asubiador (Anas penelope) femia ou eclipse nas Cortiñas
- 8 Patos cincentos (Anas strepera). Idem
- 5 Patos culler (Anas clypeata). Idem
- 7 Cercetas (Anas crecca).
-1 Pato cristado (Anas fuligula).

 Asubiador (Anas penelope)


Patos culler (Anas clypeata)

Mañá haberá que aproveitar se vén outro día coma hoxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos