Seguidores e seguidoras

domingo, 6 de enero de 2013

Mobêlhas em Ortigueira

  Contam polo Noroeste do noroeste (aqui) que estamos em tempos de Mobêlhas. Onte voltei pola corunhesa Ria de Ortigueira. E com moi boa climatologia, de certo. Logo dos escuros messes de Outubro, Novembro e Dezembro, os mais chuviosos por estas terras, nesta semana voltou o sol de novo.
 Isto foi o mais salientável que vim na ria:

- 3 Mobêlhas grandes (Gavia immer) nas augas da ria central. Tivem sorte davondo e puiden tirar umhas images jeitossas para vos poder ensinar.


 Mobêlhas grandes en Ponta Fornelos

 Entre elas havia um ejemplar jovem (sem anel ocular branco definido, coa plumage do lombo "em escamas" e face mais escura. É o da esquerda na primeira foto.



  Na foto anterior a mobêlha amosa um aspecto peculiar. Nom sei se será certo o de que as aves procedem dos répteis, mas vendo esta foto, semelha bastante probável.


  Levo semanas observando a alimentaçom das mobelhas em augas da ria de Ferrol. Descobrim que a meirande parte das suas capturas correspondem a "Signátidos" (Syngnatidae spp), umha família de peixes moi curiosa. Hai tempo figem um post no que aparecia um exemplar de signátido achado na costa rochosa de Ares (fauna de litoral). Estes que capturavam as mobêlhas eram umha especie maior e mais colorida.



  Nalgum momento duvidei se acasso se tratasse dum polbo, pois me pareceu observar vários "tentáculos", possibilidade que considerei especialmente rara. Observando as fotos na casa (tomei moitas) fica claro que fora um efeito visual, pois nom eram senom desafortunados signátidos, que devem formar parte importante na dieta das mobêlhas.

  É interessante que o Corvo marinho real (Phalacrocorax carbo) amossa outros costumes predadores bem diferentes. Na lagoa da Frouxeira, por exemplo, a fonte de alimentaçom principal para o Corvo marinho é claramente a Anguia (Angilla anguilla) e, em menor medida, distintas espécies de peixes planos (Pleuronectes e semelhantes). Em augas mais fondas coma som as da ria de Ferrol, escolhe preferentemente peixes coma os Muxes (Mugil cephalus e sem.). E alguém me contara que nas áreas de interior na provincia lucense a Troita aparecía tamén nos seus excrementos. Por outra banda,  a Mobêlha captura moitos signátidos, pola sua facilidade de captura (suponho, dado os lentos movimentos que possúem estes estranos peixes) e pola abondancia nas augas das nossas rias. Penso que nom é casualidade, e que os predadores oportunistas triunfan na Natureza. E aqueles mais selectivos sofrem maiores problemas de supervivência. Graças a nós, obviamente.


- 12 Culhereiros (Platalea leucorodia)
- 3 Garças brancas (Egretta alba) em Ladrido. Nom tenho foto, asi que subim umha de Garçota comum.

Garçota comum (Egretta garzetta)

- Os 3 Cisnes (Cygnus cygnus/olor) que seguem por aqui
- 4 Gansos de face negra (Branta bernicla) na zona do Cavalar. Sinceramente, nom tivem tempo para consultar se pertencem à sub-espécie hrota ou à mais habitual bernicla...

 Gansos de face negra (Branta bernicla)

 De anátidas típicas, pois o de sempre: moitos Asubiadores (Anas penelope) e, do resto, nom moitos este ano. Boto de menos aquelas cifras espectaculares do Pato culher (Anas clypeata) nos anos 90 ..

Patos culher (Anas clypeta

- 2 Mergos cristados (Mergus serrator)
- 12 Pentumeiros comuns (Melanitta nigra). Coma sempre, o seu número foi minguando ao avançar a estaçom fria. A ver quantos ficam aínda durante os censos (que começam aginha)
- 213 Gavitas (Haematopus ostralegus) no Cavalar. Imagino que haveria um grupo secundário na praia de Morouços.

Gavitas (Haematopus ostralegus)

- 92 Pílharas cinzentas (Pluvialis squatarola)
-175 Maçaricos de bico recto (Limosa limosa/lapponica)

Qué espécies de limícolos vedes na foto? (umha pista, hai quatro)

- 24 Pilros grossos (Calidris canutus)

Pilros grossos (Calidris canutus) descansando no inter-mareal

- 65 Biluricos comuns (Tringa totanus)
- 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus)

Bilurico escuro (Tringa erythropus), no centro da imagem

- 3 Alcas (Alca torda)
- Duas Lontras (Lutra lutra). Penso que som outra família (1 fémia + 1 cachorro) que anda as mais das vezes pola parte occidental da ria central (zona Fornelos)

 Déixo-vos até a próxima!

6 comentarios:

  1. Moi boa entrada Xabi. parécenme moi interesante os datos de alimenttación da mobella que comentas, por ortigueira parece ser unha fonte de alimentación moi importante Tamén para as 3 sp. de garzas e para as gaivotas, a escepción das cabecinegras que como xa ollarías parecen especializarse nas estrugas. incluso dos cullereiros teño algunha foto alimentándose de Syngnatidos. no caso das mobellas parece que cando están en portos ou rías areosas tiran mais polos cangrexos,(a min tamén me teñen mellor pinta)
    Bueno xabi, unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Graças, Toñito:
    Nom sabia que tamém resultava de ineteresse para Garças e Gaivotas. Hei-me fixar. Por certo, contáva-lhe a Álvaro que un dia vim um Gaivotom zampándo-se (atençom) unha Xiba! (ou similar). Nom sei se a atopara ferida ou já o pescara el, pero foi umha loita tremenda nas augas da ria. Mesmo observei como o cefalópodo lhe lançava um chorro de tinta. O malo é que nem tenho foto, nem sei o final (perdin-o de vista e nom sei se afogou, se abandonou.. ou quê).
    Isso si, nom colho o das "estrugas" (estrugas de mar?) É que já nom disponho da guia de prantas e sabes que nom controlo moito disso.
    Unha aperta
    PD: Parabéns por eses censos extraordinarios em Bares (8000 tridáctilas em tres horas, manda caralho!!)Dá gosto falar com colegas censadores.

    ResponderEliminar
  3. O das xibas por acó soe verse na primaveira cando as xibas quedan moi débiles trais desovar e aparecen moribundas flotando ou arilladas, de feito noutros tempos nesta época a xente dos portos remaban ata os rebunbios de gaivotas dentro da ría, xa que soían estar picando nestos exemplares que aínda eran aproveitables.
    Perdoa, si me refería as estrugas de mar, desas anémonas que andan pegadas as rochas, 2 exemplares de cabecinegra que están sempre frente a grua, tráis arrincalas eliminan todos os tentéculos, logo límpanas na auga e finalmente pasanas enteiras, de feito teño varios videos, sempre me chamou moito a atención, non sei se será un comportamento xeneralizado na especie...
    O da Estaca é moito, o día non parecía o mellor para tales números pero...ahí está a gracia disto, nunca se sabe. Nesta época alí parado apreta o frío de lo lindo por sorte as gaivotas e álcidos son máis das horas centrais do día.

    ResponderEliminar
  4. Pois nunca me decatara diso das cabecinegras e as "Estrugas". Outro asunto máis para atender logo por Ortigueira.

    ResponderEliminar
  5. Impresionante entrada Xabi. Fotos boísimas, números, hábitos das aves... En fin, non che digo mais porque se che vai acabar subindo. Segue así.

    ResponderEliminar
  6. Olá Quique:
    Agradezo moito as túas palabras, pois significa que vale a pena o esforzo e o tempo que me leva editar cada entrada para que resulte máis atractiva.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos