Seguidores e seguidoras

martes, 28 de agosto de 2012

Bicheando por Ortigueira

O domingo semellaba unha boa xornada para censar limícolas na ría de Ortigueira, así que fun para aló.



Pero non sempre se logra o que ún se propón. Unha estancia demasiado prolongada nunha das paradas que me retrasou, xunto coa reverberación propia dun día anticiclónico, impedíronme completar o reconto dalgunhas especies. Non obstante puiden censar algunhas cousas nestes días de paso:

- 1 Cullereiro (Platalea leucorodia)
- Unhas 170-180 Gabitas (Haematopus ostralegus). 143 no Cavalar, e 30-40 máis en Ladrido.
- 18 Píllaras reais (Charadrius hiaticula). Nesta ría as aves están habitualmente a moita distancia do observador, suficiente para a súa identificación, pero demasiado grande para fotografialas co meu equipo. Pero sempre hai pequenos repousadoiros onde poder observalas de perto.

Píllara real (Charadrius hiaticula)

- 15 Pilros gordos (Calidris canutus)
- 16 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
- 101 Pilros comúns (Calidris alpina)
- Tropecientos corenta e cinco Mazaricos (Numenius spp)
- 115 Biluricos claros (Tringa nebularia)
- 45 Virapedras (Arenaria interpres). Probablemente había 12 máis, destacando unha concentración de 38 exemplares na enseada de Feás.

 Bando mixto de limícolas (Charadrius hiaticula, Calidris alpina e Arenaria interpres)

- 1 Combatente (Philomachus pugnax). Ao igual ca outras limícolas de interior resulta bastante escasa nas nosas rías. Así de memoria non creo que teña máis de 3-4 observacións en todos os anos que levo controlando Ortigueira. Foime imposíbel achagarme para sacarlle foto.

 O mellor de todo foi que descubrín un novo "observatorio", situado ao mesmo pé da marisma de Ladrido. Parece mentira que logo de vintecinco anos aínda descubra novos lugares de observación. Nin que aquilo fose Doñana, carallo...


 Baixando por un prado atopei un ponto onde se podía atravesar con moita comodidade a vía do comboio. Un pouco máis adiante hai outro acceso, por unha ponte de pedra, pero agora está todo pecho de vexetación e me foi imposíbel entrar...Éste de hoxe está moi chulo, situado sobre un lugar de moita concentración de limícolas, onde é posíbel ver unha boa diversidade de especies durante os pasos. Vai marcado en vermello no mapa. Recoméndovolo.


 E non todo han ser acuaticas! Tamén hai outros visitantes típicos destas datas, coma:
- 2 Chascos rabipintos (Saxicola rubetra) nos prados de San Claudio.

 Mentras andaba precisamente polos prados de San Claudio estiven a piques de pisar este Insecto pao. A pesar de que só levaba o 70-300 saqueille unha foto.... como puiden. O bicho non se aguantaba de pé e non conseguín retratalo cabeza arriba. Cando vin a foto na casa deime conta de por qué: ao pobre fásmido faltábanlle dúas patas. Quero pensar que non o pisei e que iso foi o resultado dun ataque por predación.

Bicho pao (Phasmida)

 En Europa hai seis especies de Insectos pao ou Bichos pao (góstame moito máis este nome). Polo que nos conta Pablo Torrella, podería tratarse de Clonopsis gallica ou ben Bacilus rossius. Coma sempre, agradezo a Pablo o seu comentario, que nos axuda a ir aprendendo algo máis en asuntos de entomoloxía.

 No muíño de mareas atopeime con Jesús Risueño e outro colega madrileño (Santiago sp). Despois entretívenme afotando lagartixas no camiño, aínda que o 300 non é precisamente a mellor ferramenta para este fin.:

 Lagarta galega (Podarcis Bocagei)

Na base dun eucalipto no que saían varias árbores encontrei un montón de Lagartixas. As máis delas Lagartixas da serra. Para os profanos trátase simplemente dunha lagartixa, pero en absoluto é unha observación máis!.

 Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), xoven

 Este lacértido é un endemismo ibérico, propio da alta montaña; unha auténtica reliquia de tempos remotos que é capaz de vivir nas máis altas montañas peninsulares. Sen embargo no norte galego resulta moi abondosa en determinadas localidades a nivel do mar. De feito, en Ortegal é a lagartixa dominante na maioría de hábitats disponíbeis. O mesmo podemos atopala en muros de pedra, en casa vellas, na beira de camiños, en áreas dunares, en zonas forestais e, por suposto, nas áreas de montaña cercanas, como A Capelada ou  A Faladoira.

Lagartixa da serra, macho

Poño unha foto do hábitat, para poñerlle "os dentes longos" aos herpetólogos de Pontevedra...

Camiño cutre con eucaliptos na ribeira. Hábitat típico de Iberolacerta monticola na costa norte. Como diría Trillo...manda huevos!!.

 Vémonos!

8 comentarios:

  1. Joder, esa foto de monticola sobre unha febra de arcolito e a nivel do mar é unha cousa ben estraña.
    Apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar
  2. O difícil por aquí sería vela sobre unha cortiza de Carballo (iso qué era???)
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  3. Estiven dende o luns a esperar os resultados do domingo e vexo que non foi mal a cousa.

    Cos bichos propensos a asustarse, o 300 estacho a facer ben.

    José

    ResponderEliminar
  4. Estou moi contento co 300, José. Porque ademáis, se falamos con propiedade, deberíamos dicir "un 480 mm" (300 x 1,6). Penso que agora temos moito vicio e algún quere retratar a pupila dun mazarico.

    E a ver se na próxima ocasión nos coincide mellor.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  5. Bo habitat..
    Eu tamen tiven un bicho pao de visita pola casa dos sogros en Gondomar, pero ainda non mirei que sp pode ser.

    Cesar

    ResponderEliminar
  6. A verdade é que había tempo que non vía ún. Pero desde que me metín a ópticas de grande zoom, pois case non miro para o chán...
    Xa se me pasará.

    ResponderEliminar
  7. Ola, Xabi:

    Polo que puiden comprobar estás no certo: na PI temos 6 especies. En Galicia temos dúas rexistradas (no ano 2011). Serían Clonopsis gallica Charpentier, 1825 e Bacilus rossius Rossi, 1778.

    Fonte: MOYA A., M. (2011) Corología de los fásmidos de la Península Ibérica y Portugal (sic). ASOCIACIÓN ENTOMOLÓGICA DE ASTURIAS, 2(1): 1-4.

    Por certo, Phasmida é a orde, polo que non pode ser rematada en "_dae".

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  8. Mil grazas, Pablo. Xa modifiquei o texto.

    Unha aperta

    PD: Se esta fin de semana non tes "guardia" avisa e quedamos para dar un rulling.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos