Seguidores e seguidoras

domingo, 19 de febrero de 2012

Paxaros de río. Pedroso.

Nota previa: aínda que éste non é un blogue musical, hoxe farei un breve comentario. Logo da morte onte de Enrique Sierra, era obrigado meter algo dos Radio Futura, como música da entrada. Para moita xente da miña xeneración foi unha banda moi influínte, e que revolucionou o panorama musical español nos anos oitenta coa súa música e coas súas letras.  Vai por eles, e por Quique Sierra.

PAXAROS DE RÍO

Logo das amplas chairas que se suceden por Moeche e San Sadurniño, o val do río Xubia estréitase por terras de Narón e acelera un chisco a velocidade das súas augas, coma se tivese présa por chegar xa ao mar. Onte fun á zona de Pedroso, inzada de vellos muíños (hoxe restaurados).


  O lugar forma parte do L.I.C. (Lugar de Interese Comunitario) Xubia-Castro. Un panel informativo, no cámping ecolóxico de Pedroso, nos dá a benvida. No cartaz aparecía o obxectivo ao cal eu perseguía naquela visita: o Merlo rieiro (Cinclus cinclus).


 E tiven sorte. Ao pouco de chegar ao río, sorprendín un exemplar.


 Cando era neno, lín nun libro que esta ave era a única no mundo que era capaz de camiñar polo fondo do río, agarrándose ás pedras do fondo. Moitas outras nadan, mergullan, ou se precipitan desde o ar; pero ningunha outra podía "andar" polo fondo. Aquilo impactárame moito, ata o ponto de considerala, desde entón, unha das especies máis fascinantes da avifauna europea.


 No tramo final do Xubia, entre Pedroso e a desembocadura, aniñan 2-3 parellas de Merlo rieiro, tal como observou Cosme Damián Romay, entre 2010 e 2011. Esta Primavera intentarei comprobar que este número se mantén, ou investigar novos territorios, se cadra.


 E, alí onde hai merlo rieiro, non pode faltar nunca o outro paseriforme típico dos ríos: a Lavandeira real (Motacilla cinerea). Nestes días aínda conservan a plumaxe de inverno, coa gorxa branca.


 Os arredores do aparcadoiro, con aspecto de parque, semellaba un bon lugar para fotografar aves a primeira hora da mañá, a pesar do intenso frío (amenceu con -2 ºC). En canto saíu o sol había luz dabondo.

 Este Tordo común (Turdus philomelos) miraba para a terra. Tan concentrado estaba que permitíu que me achegase o suficiente para tomar unha instantánea do momento...


 A concentración no que se fai sempre ten premio. Neste caso, unha apetitosa Lombriz de terra (Lumbricus sp).


 Esta Pica dos prados (Anthus pratensis) andaba tamén por alí. A foto está un pouco movida porque me despistei e disparei cunha velocidade de 1/60...Qué pena.


 A pesares do frío e das datas, a Natureza comeza a mostrar tímidos anuncios da próxima Primavera. Como estes Cáncaros (Primula acaulis). Se non recordo mal, o seu nome latino (primula) indica xa o carácter "madrugador" da súa floración. Atoparémola case sempre nas zonas sombrizas dos prados ou baixo arboredo caducifolio.


 Estoutra dase moi ben, en cambio, nas cunetas secas e matorreiras de solaina, orientadas ao Sur. Grazas a Alexandre Justo, sei que o seu nome é Herba das doas (Lithodora prostata), da familia das Boraxináceas.


  Podo asegurarvos que aló onde vexades as súas flores azuis, teredes un bon hábitat para réptiles. Eran as once da mañá, coa temperatura fría aínda (arredor dos 5 º C) e apareceu este macho de Lagartixa galega (Podarcis Bocagei), buscando os raios do sol para termorregularse.


 Porque iso que nos contaron na escola de que os anfibios e réptiles se aletargan durante todo o inverno non é exactamente así. Nas zonas frías do continente é absolutamente válida esa máxima, pero non para a costa galega, cun inverno moi suave, en comparación con outras zonas climáticas. De feito, algunhas especies de anfibios, coma os Tritóns ou a Rá vermella, escollen precisamente o inverno para se reproducir. E non resulta raro observar lagartixas activas en días soleados de Decembro ou Xaneiro.

De todas formas, a partir de Febreiro, en canto as temperaturas máximas alcanzan os 15 ºC, a actividade de Lagartos e Lagartixas faise máis regular, e van collendo as bonitas coloracións do celo.

 Seguimos. Cando un naturalista vé este cartaz, a verdade, soa a música celestial. Aínda que probablemente non se acate demasiado. Pero a condición de galeguidade e o concepto mesmo do cumprimento de regras semellan ser incompatíbeis.


 Hoxe parecía o día da bicicleta. En canto saíu o sol, apareceron saltóns, lagartixas e ciclistas a "tutiplé". En fin, debo dicir que a moda do ciclismo é unha práctica sostíbel desde o ponto de vista medioambiental, e que apenas ten incidencia no entorno (se me meto con eles, perdo un seguidor, je, je..)


 E como todo voyeur é, asimesmo, susceptíbel de ser observado por outro mirón, pois iso...Que cotillas hai en todas partes..


 Unha aperta.

8 comentarios:

  1. Radio Futura!!! El mejor grupo pop español de los 80.
    (Vamos Mayores!!)
    Saludos.

    ResponderEliminar
  2. Ja, ja, vamos, vamos... Pero non o digas moi alto, que se nos escoitan Álvaro ou Silvar dicir que somos maiores poden partirse de risa..

    O malo é que non conseguín meter as cancións no gadget. A ver se pola tarde o soluciono.

    Qué pedazo de grupo os Radio Futura... Eu daquela xa prefería música máis forte (Punk, heavy e estas cousas) pero sempre me gostaron moito.

    Un abrazo, Fernando!

    ResponderEliminar
  3. Ola Xabi!
    a planta de flor azul é do xénero Lithodora, penso que se trata de Lithora prostrata xa que penso que en Galicia (falo de memoria) hai só dúas especies e unha é de solos calcáreos. Consúltao e saimos de dúbidas.

    Saúdos,
    Alexandre Justo.

    ResponderEliminar
  4. Xa sabes que cando andes por cerca da miña casa podeste acercar e tomamos un café pra pasalo frío ou o que se tercio... quero dicir tercie.

    ResponderEliminar
  5. Un millón de grazas, Alex! Efectivamente é L.prostata (vaia nome tamén, carallo...)
    Un abrazo e grazas de novo pola visita

    ResponderEliminar
  6. Ostras, Víctor, pois estou mirando no mapa, e sí que estaba cerca da vosa casa. Nin conta me dera.
    Por suposto tomo nota da invitación. Hei voltar á zona varias veces esta Primavera e seguramente perto do mediodía padecerei algún episodio de sede. Xa me achegarei ata A Cruz do Pouso para calmala.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  7. 3 parellas, pareceme pouco, sáenme algunhas mais.
    Son pescador e có tempo que estamos metidos na auga na tempada ou vendo os peixes durante a freza vemos moitas cousas.
    Cóntoche dos niños que coñezo nese tramo de río:
    . 1 Debaixo do pasal de madeira da área recreativa
    . 2 Augas abaixo outro na pontella do Muiño de Entrerríos. En ocasións baixo o propio muiño (infernos).
    . 3 Muiño de Gradaille. Nos infernos do muiño. Hai tres anos ou catro nos aliviadeiros da presa.
    . 4 Presa do Rei. Baixo os aliviadeiros da presa.
    . 5 Augas arriba da área recreativa, xa na zona de Pedroso criaron hai dous anos (este ano pasado non, no sei porque) na Ponte de Vieiras.
    . 6 Ainda mais arriba hai outra niñada tódolos anos na ponte que está augas abaixo da entrada da Canle de Amando
    Isto como ves no tramo baixo. En canto subes da zona urbana de SanSadurniño para arriba xa non podería cuantificar.
    Saudos e a mandar.

    ResponderEliminar
  8. Ante todo, moitas grazas polo comentario, Eloi. Por certo, moi ben explicada.

    A redacción do meu comentario non foi demasiado correcta, certamente. O que pretendía era indicar a existencia dun mínimo de 2-3 parellas. Era a información que me pasara Damián, que penso que tampouco fixo un estudo específico. El, coma grande científico que é, traballa sempre sobre datos seguros que falen de poboacións mínimas.

    Evidentemente os pescadores de río botades moito tempo no río. É estupendo coñecer a ún deles que ademáis ten vocación naturalista. Sen dúbida has ser un enorme coñecedor do Xubia.

    Nesta Primavera intentarei localizar eses niños dos que me falas. Porque, como sabes, estas cousas poden cambiar dun ano para outro. Ao mellor aínda podemos coincidir por aló.

    A aportación de comentarios tan interesantes coma éste que fas xustifican sobradamente o esforzo que me supón a existencia deste blogue. Moitísimas grazas de novo pola información.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos